O evento 'ReEmprende', que se celebrará o próximo xoves 27 de abril, conta cunha serie de patrocinadores que o fan posible. Falamos de institucións que cren na iniciativa privada e no emprendemento como fonte de riqueza e xeran iniciativas para fomentalo. 

Un destes patrocinadores é a Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, a través do IGAPE. Hoxe falamos co director deste último organismo, Juan Cividanes.

Por que se decide a Consellería de Economía, Emprego e Industria patrocinar os ‘Momentos Emprendedores’ de ASCEGA?

O emprendemento é fundamental para seguir avanzando na recuperación económica e na creación tanto de novas empresas como de postos de traballo de calidade. A Consellería de Economía, Emprego e Industria ten entre os seus obxectivos a promoción da actividade económica e o apoio á creación de emprego e, especificamente a través do Igape, ten entre as súas funcións a de facilitar apoio integral ao emprendemento, mediante servizos e axudas adecuadas ás peculiaridades de cada proxecto. 

Que papel credes que tivo o emprendemento nestes últimos anos de crise económica?

A crise situou ao emprendemento e ao emprendedor no centro do debate sobre o crecemento económico, buscando alternativas que fomentasen a actividade económica e o emprego. O emprendemento e as persoas emprendedoras emerxeron como unha das solucións que están a permitir reverter a situación. Abonda, a modo de exemplo, salientar que en 2016 se constituíron en Galicia 4.600 empresas, un 16% máis que no ano anterior.

As administracións públicas e as asociacións empresariais, entre outras entidades, centraron a súa atención cara a actividades e proxectos orientados a construír, fortalecer e difundir a cultura emprendedora e converter a figura do emprendedor nun axente beneficioso para a sociedade no seu conxunto, como xerador de riqueza e emprego. A posta en marcha da Lei de Emprendemento abriu paso a accións de calado neste ámbito como a simplificación dos trámites administrativos para a creación e posta en marcha de proxectos empresariais, o incremento dos programas de formación e asesoramento para emprendedores, a creación de espazos para aloxar as novas iniciativas empresariais -aceleradoras de proxectos empresariais ou espazos coworking- ou a posta en marcha de novos programas como o Galicia Rural Emprende e o Galicia Emprende. 

Que medidas se están tomando desde a Administración para impulsar a iniciativa privada?

Seguimos a manter o acento sobre o emprendemento, con axudas directas como as dos programas que acabamos de citar; de feito, a dotación conxunta para estes dous programas duplica, en 2017, as cifras do ano pasado. Pero tamén o facemos con préstamos directos ou participativos, a través do Igape ou do fondo Galicia Iniciativas Emprendedoras de Xesgalicia; ou cos programas de bonificación de préstamos ou microcréditos bancarios, a través do programa Galicia 100, xa activado; ou con axudas ao emprego. Sen esquecernos dos servizos de formación, asesoramento e aceleración, dacordo coas necesidades e peculiaridades de cada proxecto. De feito, está aberta xa a segunda convocatoria para os espazos coworking habilitados polo Igape en colaboración coa EOI, logo de rematar unha primeira edición na que se impulsaron 120 proxectos empresariais.

Hai datos que certifiquen que actualmente hai certa recuperación tras a crise?

Más alá das exportacións que, como é sabido, están batendo rexistros históricos, superando por primeira vez os 20.000 millóns de euros en 2016 e medrando un 12,7% no pasado mes de xaneiro con respecto ao mesmo mes do ano anterior, os principais indicadores económicos certifican que Galicia está a consolidar o seu crecemento. Así, tanto o incremento do PIB como o do emprego ou da creación de empresas mostran que estamos no bo camiño. Se  o PIB creceu nun 3,1% en 2016, rexistrando o mellor comportamento dos últimos 9 anos, o índice de produción industrial medrou nun 4,1%, mentres que o índice das vendas do comercio o fixo nun 3,7%. 

Tamén os datos de evolución do emprego indican que estamos na dirección acertada. Galicia pechou 2016 cunha caída do paro do 10%, crecendo tanto as afiliacións como a contratación indefinida e a tempo completo; indicadores que nos primeiros meses deste ano manteñen esta tendencia.

Cabe salientar tamén que son moitas as empresas que souberon adaptarse ás novas necesidades que demanda o mercado e que comezaron ou afondaron nun proceso de internacionalización, iniciando unha etapa positiva que continúa agora. Esta circunstancia axudará a mellorar en Galicia os niveis de emprego e produción dos anos previos á recesión, cun modelo de negocio diversificado  e que busca novos mercados. 

O ‘ReEmprende’, busca homenaxear a aqueles emprendedores que, tras un varapao, souberon levantarse. Cónstalle á Xunta que a mentalidade do autónomo galego é esta?

Boa parte dos grandes emprendedores, dos empresarios que son referencia na economía actual e nivel mundial, comezaron con fracasos. A miúdo, os primeiros fracasos son os que marcan os camiños a seguir para acadar finalmente unha idea de negocio que leve ao éxito. Por iso, só pode considerarse fracaso aquel que non intenta levantarse de novo. E se algo ten o ADN dos emprendedores e autónomos galegos é a súa vontade de reinvención, a súa capacidade de saber buscar solucións que lles permita ter oportunidades para seguir crecendo e ser máis competitivos.

 

Evento Re-Cuerda #byASCEGA

Evento Re-Conoce #byASCEGA

Evento Re-Emprende #byASCEGA

Biopsia Liquida ONCOMET

Suscríbete al Newsletter!

Términos y Condiciones
(por supuesto, podrás darte de baja cuando quieras, sin preguntas, sin molestias!)